25 febrero 2010

Benvidos!

Benvidos a este novo Blog oficial da Banda de Música Municipal de Silleda, a través do cal pretendemos estreitar lazos con tódolos afeccionados á nosa música que a diario nos seguen e apoian, pero tamén con todas aquelas persoas e agrupacións coas que nalgún momento tivemos contacto, e con calquera que queira aproveitar este medio para coñecer a nosa actividade e participar dela.

Queremos utilizar esta canle para transmitir as actividades, concertos, viaxes, xornadas,... que dende a Banda e a Escola de Música estamos a desenrolar, así como calquera información relativa á cultura e á música en xeral que consideremos de interese.

Non dubidedes en contactar con nos, comentar as nosas propostas e suxerir o que consideredes oportuno; agradecemos de antemán calquera aportación construtiva.

Programación 2010

Avanzámosvos a programación de actividades que levaremos a cabo durante todo este ano, e das cales ampliaremos información no seu momento. Esperamos que sexan do voso agrado e que poidamos contar coa vosa participación.
  • 20 de marzo: "Descubrindo novos camiños na música: Día do Jazz en Silleda". Coa participación dos alumnos da Escola de Música de Burela, a Escola Estudio de Santiago e a Escola de Música de Silleda. Xornada de convivencia, audicións, proxeccións e concerto das formacións das respectivas escolas en torno ó jazz, coa colaboración especial de José Nine. Para rematar o día, actuación da Silleda Big Band no Pub Vinilo.
  • 29, 30 e 31 de marzo: Campamento Musical da Escola de Música, no albergue de Gandarío (Bergondo-A Coruña). 
  • 3 de abril: XVII Festival de Bandas de Silleda. Coa participación da Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, a Banda Musical de Monçao (Portugal) e a Banda de Música Municipal de Silleda. O concerto da nosa Banda estará adicado á música celta.
  • 17 de abril: II Festival de Bandas Xuvenís. Coa participación da Banda de Música Xuvenil de Agolada, a Banda de Música Xuvenil da Unión Musical de Meaño e a Banda de Música Xuvenil de Silleda.
  • 15 de maio: Concerto adicado á Asociación de Amigos da Banda.
  • 19 de xuño. Día da Música. Obradoiros, audicións, grupos de cámara e concerto da Banda con artistas convidados. A temática desta edición será a música rock.
  • 16, 17 e 18 de xullo. Participación no Festival Hispanoluso de Bandas e Ensembles de vento (Zamora).
  • 18 de decembro. Concerto de Nadal.
Todo isto, ademais dos concertos, actuacións e festas nas que participamos, e doutros proxectos puntuais que tamén temos na axenda 2010 como é a gravación dun CD e a renovación da nosa revista "Silleda, pobo e música".

09 febrero 2010

O Director (Rafa Agulló)

Rafa Agulló Albors nace en 1982 en Cocentaina (Alicante) onde inicia os seus estudios musicais co saxofón na Unión Musical Contestana, sendo os seus profesores José Pérez Vilaplana, Enrique Torró Insa, Jeremías Sanchís Mojino e José Rafael Pascual Vilaplana. Mais tarde continúa os seus estudios profesionais no Conservatorio Municipal de Banyeres, finalizando en 1995 e obtendo o Premio Extraordinario de fin de grao elemental na especialidade de saxofón.

     En 1998 finaliza os estudios de grao medio no Conservatorio Profesional "Melchor Gomis" de Onteniente, obtendo o Premio Extraordinario de fin de grao na especialidade de Saxofón e Música de Cámara. En 2000 remata os estudos superiores de saxofón no Conservatorio Superior "Oscar Esplá" de Alicante co mestre Israel Mira Chorro, obtendo a cualificación de excelente.

     Asistiu a cursos de perfeccionamento do saxofón cos profesores Israel Mira, Javier de la Vega, Carlos Revert, Pedro Iturralde, Juan Carlos Sempere, Daniel Kientzy, Claude Delanghe, Eric Devalon, Antonio Moltó e Francisco Blanco.

     Formou parte da Banda da FSMCV, da Orquestra de ventos Filarmonía, e da Big Band de la Vall d 'Albaida. Ademais realizou varios concertos co cuarteto SAFRAMARA SAX QUARTET (Valencia, Cocentaina, Agost, Pobla de Faranals, Sueca, Alicante, L 'Alcudia, etc.), co ensemble de saxofóns do Conservatorio Superior de Alicante, e coa Orquestra de Saxofóns da ComunidadeValenciana (ORSAXCOVA).

     No 2000 comeza a estudar dirección de banda, na "Escola de Música Comarcal de la Vall d 'Albaida', cos mestres José Rafael Pascual Vilaplana, Ramón García i Adoitar e José Vicente Asensi Seba. No ano 2006 finaliza os estudios superiores de dirección de banda no "European Institute of Music" (Trento/Italia), cos profesores Jan Cober, Carlo Pirola, Felix Harswith e Franco Cesarini.

     Asistiu a cursos de dirección cos profesores Jan Cober ("Brabants Conservatorium" de Tilburg), Henry Adams (Director da banda Artística de Buñol), Franco Cesarini ("Conservatorio della Svizzera Italiana di Lugano), José Rafael Pascual Vilaplana (Escola Comarcal de la Vall d 'Albaida), Eugene Corporon (North Texas University), Jan Van Der Roost (Lemmensinstituut in Leuven, "Shobi Institute of Music" en Tokyo e "Nagoya University of Art") e Johan de Meij (Royal Conservatory of Music at The Hague), Jacob Slagter (Concergebauw Orchestra) Gert Burtenhuis (Marine Band of the Royal Navy) e Alex Schillings (The Hague Conservatorium).

     Traballou como profesor de saxofón nas escolas da Unión Musical Contestana e a Agrupació Musical d 'Ontinyent. Dirixiu as bandas novas da Unión Musical Contestana (2001), da Agrupació Musical d 'Ontinyent (2002/2005) e de Unió Musical de Muro (2002/2006). Estivo como director titular da Agrupació Musical d 'Ontinyent (2003/2006) e como subdirector de Unió Musical de Muro (2003/2006), ademais de estar invitado a dirixir en varias formacións da Comunidade Valenciana e Galicia: Unió Musical de Busot (2006), Unió Musical d 'Ondara (2004), Unió Musical de Muro e Agrupación Artística de Dénia (2002), Banda de Música de Pontevedra (2008), así como del extranxeiro: Banda Sinfónica da Covilha (Portugal), Radiofunk Blasorchestre Leipzig (Alemania) e Banda del Liceo-Rosmini de Rovereto (Italia).

     Na actualidade é director da Banda e Escola Municipal de Música de Silleda (Pontevedra), principal director invitado da Banda Sinfónica da Covilha (Portugal) e perfecciona estudios de dirección co mestre Jan Cober e José Rafael Pascual Vilaplana. Estudia composición no Conservatorio Superior de Vigo e música moderna na academia de Jazz, Studio de Santiago de Compostela e musicoloxia en la Universidade de la Rioja.

08 febrero 2010

A Escola

A Escola de Música Municipal de Silleda nace no a no 1.995 , debido á crecentre demanda musical existente no concello de Silleda. Na actualidade está baixo  a dirección e organización do mestre D. Rafael Agulló Albors, conta con 100 alumnos e cun profesorado titulado e de excelente calidade, ofrecendo un modelo de enseñanza musical dirixida a toda a poboación de Silleda.
 
Os seus principais obxectivos son:
  • Dar satisfacción a unha demanda de cultura musical práctica, partindo da base dunha maior realización persoal, fomentando valores como o compañeirismo e cooperación.
  • Conseguir que a Música teña, para o alumnado da Escola, un compoñente lúdico, emocional e creativo, potenciando non só o aspecto didáctico, senón tamén o pedagóxico e social.
  • Ensinar a  amar a música ao alumnado e preparalo para a práctica musical, vocal e instrumental.
  • Fomentar a repercusión da actividade musical da Escola no pobo de Silleda, organizando e participando en diversas actividades.
  • Desenrolar unha ampla e variada oferta musical, aberta a todo tipo de estilos musicais.
  • Descubrir que a Música é unha linguaxe universal, con poder de comunicación, mediante a cal se poden transmitir e recibir sentimentos e emoción.
A Escola promove o coñecemento e a apreciación da música dende a infancia, o interese pola participación en agrupacións vocais e instrumentais, o desenvolvemento dunha oferta ampla e diversificada en educación musical e a orientación de aqueles casos nos que o especial talento e vocación dos alumnos, aconsellen a súa entrada na ensinanza profesional (acceso ao Conservatorio), proporcionando a preparación adecuada para o accceso da mesma.

Actualmente imparte un gran número de materias (ou asignaturas) estructuradas en diferentes modalidades:
  • Música e Movemento               
  • Iniciación Musical                     
  • Linguaxe Musical                      
  • Clarinete                                   
  • Saxofón                                    
  • Frauta traveseira                       
  • Oboe
  • Fagot
  • Trompeta
  • Trombón
  • Trompa
  • Tuba
  • Bombardino
  • Piano
  • Guitarra
  • Gaita
  • Coro
  • Conxunto Instrumental
  • Percusión
Ademais nos últimos anos véñense organizando un gran número de actividades paralelas e complementarias á Educación Musical:
  • Realización de Concertos Didácticos.
  • Festival de Nadal e Fin de Curso
  • Festival de Bandas Xuvenís
  • Convivencias e intercambios con outras Escolas de Música
  • Asistencia a concertos
  • Creación de grupos de cámara
  • Cursiños de verán
  • Conmemoración do Día Internacional da Música

A Escola non só está destinada a aqueles alumnos que pretenden seguir a carreira musical, senón tamén a todas aquelas persoas que sinten a música, queren ter unha cultura musical e tocar algún instrumento.

Curriculum da Banda

A Banda de Música Municipal de Silleda, fúndase no ano 1.888, grazas ao esforzo dun grupo de persoas que quixeron transmitir ao pobo de Silleda o seu sentir pola música, levándoa por toda a xeografía galega, chegando a ser unha das bandas máis recoñecidas da época.
     Foron moitos os directores que levaron a batuta desta agrupación, entre os que cabe destacar a Tomás Beteta, Esrnesto Beteta, Francisco Beristain, Antonio Amigo, Waldo Núñez... Desaparece temporalmente no ano 1.977, despois de case un século de glorias e bo facer.
     Oito anos despois, en 1.985, reúnese un grupo de antigos compoñentes para formar o que será a nova agrupación, apoiados pola Asociación Feiral Semana Verde de Galicia, o Excmo. Concello de Silleda e o pobo en xeral. Encoméndaselle a dirección da Banda e da súa Escola de Música a D. José María Fernández García, que permanecerá ao fronte dela ata o ano 1.988. En setembro deste mesmo ano, colle o relevo da agrupación o mestre D. Manuel Molinos Rivas, e será en 1.989, cando se forma a “Asociación de Amigos da Banda de Música de Silleda”, demostrando así, o compromiso do pobo coa música e coa finalidade de respaldar as actividades da Banda.
     En xaneiro de 1.994 accede á dirección D. José Ángel Presa Carrera, coincidindo coa organización do I Festival de Bandas de Música de Silleda, polo que pasarán bandas de prestixio,  tanto de Galicia coma de fóra da nosa comunidade, e que conta dende un principio  cunha extraordinaria acollida entre o público, que valora a súa calidade musical e organizativa, facendo del un dos máis relevantes da nosa xeografía.
     En 1.995, a agrupación decide potenciar a Escola de Música da Banda, creando,  coa colaboración do Excmo. Concello de Silleda, a Escola Municipal de Música, autorizada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, en 1.996. A Escola conta con 150 alumnos aproximadamente, posúe un cadro de mestres de excelente calidade, que imparten un amplo programa docente e vén organizando unha gran cantidade de actividades: asistencia a concertos, Festivais de Nadal e Fin de Curso, creación de grupos de cámara, Banda Xuvenil, Coro, Cursos de Verán, Concertos Didácticos... Cómpre destacar a participación dalgúns dos alumnos desta Escola en agrupacións recoñecidas a nivel nacional e internacional como:  Xove Orquestra Mundial, Escola de Práctica Orquestral da Orquestra Sinfónica de Galicia, Jonde...
     En decembro de 1.997  toma a batuta da agrupación D. Javier Viceiro Filgueira, director co que a Banda se consolida definitivamente, realizando o seu primeiro traballo discográfico. Permanece ao fronte dela ata outubro de 1.999. Será en novembro deste mesmo ano cando accede á dirección o mestre e compositor valenciano D. Octavio Más Arocas. En 2.003, a banda publica o seu segundo traballo discográfico, coincidindo coa celebración do X aniversario do Festival de Bandas de Silleda, traballo no que se recollen algunhas das pezas interpretadas ao longo dos 10 anos en directo.
     D. José Luis Represas Carrera, será o que colla a batuta da agrupación en 2.004, permanecendo ao fronte dela ata 2.006.
     Na actualidade, a Banda e a Escola de Música están baixo a dirección de D. Rafael Agulló Albors, director valenciano, que leva a cabo unha importante labor pedagóxica e musical.

     A agrupación é invitada a participar Radio e Televisión Galegas, así como en numerosos festivais da Comunidade, entre os que cabe destacar os de Meaño, Deza, Ourense, Cangas, Tui, O Rosal, Gres, Chapela, Beade, Castrelo de Cambados, Vila de Cruces... Fóra de Galicia, tivo a oportunudade de actuar en:
  • Principado de Andorra.
  • Albacete ( La Gineta , Aguas Nuevas, Balazote).
  • Ponferrada.
  • Monóvar (Alicante).
  • El Puig, Albalat del Sorells, Lliria (Valencia).
  • Pola de Laviana , Luarca (Asturias).
  • Portugal.
  • As Festas do Pilar en Zaragoza.
  • Centro Galego de San Sebastián.
  • San Martín de Valdeiglesias (Madrid).
  • No mes de Outubro do ano 2.000 realiza uns concertos en Bos Aires (Arxentina), invitada polo Presidente do Centro Galego desta cidade.
  • No ano 2001 é invitada ó XII Festival Internacional de Bandas de Música de Loures  ( Lisboa).
  • Leganés (Madrid).
  • Ronda (Málaga).
  • Plaza Mayor en Salamanca.
  • As Palma de Gran Canaria.
  • Carcaixent e Cocentaina (Alicante).
  • Santander e Luarca.
     A Banda acada ao longo da súa historia numerosos premios e galardóns, contando sempre co apoio incondicional do pobo silledense, ao cal lle está moi agradecida:

1º Premio no Certame de Bandas de Música de Vigo (1.959).
2º Premio no Certame de Bandas de Música de Ourense (1.972).
2º Premio na 1ª sección no Certame Nacional de Bandas de Música de Leganés en Madrid (2.002).
1º Premio e Mención de Honor na 2ª sección no Certamen de Bandas de Música  “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.002).
1º Premio e Mención de Honor na sección especial no Certamen de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.005).
1º Premio e Mención de Honor na sección especial no Certamen de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.007).
       
     A Banda de Música Municipal de Silleda, con máis de 400 socios e unha Escola de Música con 150 alumnos, está a realizar na actualidade unha importante labor social, cultural e educativa, que se ve reflectida na organización de concertos ao longo do ano,  creación dunha Banda Xuvenil, Big Band, coro e grupos de cámara.
     A agrupación está máis que orgullosa do seu longo percorrido musical, tanto pola labor dos seus compoñentes, coma polo apoio recibido  das institucións e do pobo en xeral. Quere agradecer a todas e cada unha das persoas, que dende os seus inicios souberon facer sentir e apoiar a música dun xeito incondicional.

“Despois do silencio, o que máis se achega a expresar o inexpresable é a música”
                                                                         
                                                                                                        Aldous Huxley

Ponte en contacto con nós:


Banda de Música Municipal de Silleda

Rúa de Pontevedra, s/n
36540 Silleda  (Pontevedra) -  España
Teléfonos : +34 986 592 004 / +34 659 001 808

Tamén podes enviarnos un correo a info@bandasilleda.com, entrar na nosa web (www.bandasilleda.com), e na nosa páxina de Facebook.


Ver Banda de Música Municipal de Silleda en un mapa más grande