27 marzo 2010

Concerto música celta, notas ó programa

Notas ó programa do concerto de música celta que a Banda ofrecerá no Festival de Bandas de Silleda, o vindeiro 3 de abril de 2010, por Rafa Agulló.

A MÚSICA CELTA

Denomínase como música celta á música autóctona dunha cultura que ten a súa orixe no ano 2000 a. C. (fin da Idade de Bronce) e que aparecerá con gran forza na Idade de Ferro.O legado desta sobreviviu en Galicia, Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña Francesa e Asturias, sendo de gran importancia para o desenvolvemento cultural, social e espiritual de todas estas rexións. Actualmente son moitos os festivais de música celta que se celebran en todo o mundo debido ás migracións e ao espírito universal que leva implícita a arte que practicamos, “a música”.
As características principais veñen dadas pola filosofía de vida desta cultura, que a pesar de que se desenvolveu en países con linguas, costumes e relixións distintas, a alegría, inspiración e vitalidade que os bardos comunicaban coa súa arte segue presente.

RIVERDANCE (1994).
Arranxo para banda do compositor, director e arranxista holandés Gert Burtenhuis. A música orixinal foi escrita no ano 1994 polo compositor irlandés Bill Whelan, para acompañar un espectáculo do grupo de danza tradicional irlandés “Riverdance”.
Este grupo ten a súa orixe no ano 1994, cando por petición da comisión organizadora do certame de Eurovisión se lles encargou un espectáculo para pechar a gala. O coreógrafo nesta ocasión foi Michael Fatley, a música foi escrita por Bill Whelan e da execución encargáronse un gran equipo de músicos e bailaríns, entre eles, os coñecidos Jean Butler e o propio Fatley, a RTE Concert Orchestra e o grupo celta Aúna.
Actualmente o grupo celebra o seu 15º aniversario cunha xira mundial no que presentarán o seu novo espectáculo Riverdance Show.


CELTIC CHILD (2005).
Peza do novo compositor belga Bert  Appermont con letra de Jef Mellemans. A composición está inspirada na vida e a experiencia dun neno imaxinario. Esta divídese en tres partes claramente diferenciadas.
Despois dunha breve introdución preséntase a primeira parte na que representa o desenfreo creativo do neno cun alegro virtuoso e dinámico, para acabar cun maestoso que simboliza o frio mundo dos adultos onde o neno non atopa o seu sitio. A segunda parte é unha queixa contra a inxustiza que aínda afecta a moitos nenos en todo o mundo (fame, falta de educación, malos tratos, explotación). Isto é expresado mediante unha bela liña melódica que contrasta cos sons da metralladora (caixa) e dos bombardeiros (trombóns). A pesar diso, a ilusión por un mundo mellor non cesa na mente do neno e mediante unha danza celta expresa a visión de esperanza e alegría que prevé para o futuro.
A obra foi un encargo da Brass Band Broderkring de Houthales, en conmemoración do 20º Aniversario da creación do seu campamento xuvenil. 

THE KING´S  GO  FORTH (1998).
Esta música do compositor inglés Edward Gregson é unha adaptación dun traballo máis extenso que este escribiu para acompañar o espectáculo da Royal Shakespeare Company “The Plantegenet Trilogy” (1988)
A peza estrutúrase en forma de suite en tres movementos.
O primeiro deles titulado The Church (A igrexa), empeza cunha espectacular fanfarria nos metais construída como  leitmotiv (o cinco notas das trompetas escoitaranse durante toda a peza). Dúas melodías relixiosas aparecen en leste, o Agnus Dei, para representar a parte eclesiástica e o Dies Irae (Danza da Morte) para simbolizar o horror da batalla.
O segundo movemento titulado The People (A xente) presenta dúas ideas moi simples pero á vez contrastantes. Por unha banda atoparémonos un himno folklórico que posteriormente será transformado nunha bonita danza en estilo irlandés e doutra banda unha versión jazzística do Summer is icumen in (canción popular do século XIV).
O terceiro e último movemento The State (A Nación), empeza cunha batalla que desembocará nun clímax máis tranquilo, en forma de marcha fúnebre (utilízase música orixinal dos funerais de Henrique IV e Henrique VI. Para acabar escoitaremos a música que se utilizo na Coroación de Henrique V (baseada no leitmotiv co que empeza a peza).


MUIÑEIRA DOS PENDELLOS (2006).
Muiñeira do compositor, director e trompetista galego Juan Lois Diéguez. Escrita no ano 2006, vai dedicada á Banda Municipal de Música de Agolada, con motivo da edición do último traballo discográfico que sacaron á venda.
O nome fai referencia a un dos símbolos máis emblemáticos do concello. “Os pendellos” son unhas construcións que datan do século XVII e que servían de punto de venda e como refuxio para os comerciantes da feira, que aínda hoxe en día se celebra  nesta localidade pontevedresa.

0 comentarios: