08 febrero 2010

Curriculum da Banda

A Banda de Música Municipal de Silleda, fúndase no ano 1.888, grazas ao esforzo dun grupo de persoas que quixeron transmitir ao pobo de Silleda o seu sentir pola música, levándoa por toda a xeografía galega, chegando a ser unha das bandas máis recoñecidas da época.
     Foron moitos os directores que levaron a batuta desta agrupación, entre os que cabe destacar a Tomás Beteta, Esrnesto Beteta, Francisco Beristain, Antonio Amigo, Waldo Núñez... Desaparece temporalmente no ano 1.977, despois de case un século de glorias e bo facer.
     Oito anos despois, en 1.985, reúnese un grupo de antigos compoñentes para formar o que será a nova agrupación, apoiados pola Asociación Feiral Semana Verde de Galicia, o Excmo. Concello de Silleda e o pobo en xeral. Encoméndaselle a dirección da Banda e da súa Escola de Música a D. José María Fernández García, que permanecerá ao fronte dela ata o ano 1.988. En setembro deste mesmo ano, colle o relevo da agrupación o mestre D. Manuel Molinos Rivas, e será en 1.989, cando se forma a “Asociación de Amigos da Banda de Música de Silleda”, demostrando así, o compromiso do pobo coa música e coa finalidade de respaldar as actividades da Banda.
     En xaneiro de 1.994 accede á dirección D. José Ángel Presa Carrera, coincidindo coa organización do I Festival de Bandas de Música de Silleda, polo que pasarán bandas de prestixio,  tanto de Galicia coma de fóra da nosa comunidade, e que conta dende un principio  cunha extraordinaria acollida entre o público, que valora a súa calidade musical e organizativa, facendo del un dos máis relevantes da nosa xeografía.
     En 1.995, a agrupación decide potenciar a Escola de Música da Banda, creando,  coa colaboración do Excmo. Concello de Silleda, a Escola Municipal de Música, autorizada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, en 1.996. A Escola conta con 150 alumnos aproximadamente, posúe un cadro de mestres de excelente calidade, que imparten un amplo programa docente e vén organizando unha gran cantidade de actividades: asistencia a concertos, Festivais de Nadal e Fin de Curso, creación de grupos de cámara, Banda Xuvenil, Coro, Cursos de Verán, Concertos Didácticos... Cómpre destacar a participación dalgúns dos alumnos desta Escola en agrupacións recoñecidas a nivel nacional e internacional como:  Xove Orquestra Mundial, Escola de Práctica Orquestral da Orquestra Sinfónica de Galicia, Jonde...
     En decembro de 1.997  toma a batuta da agrupación D. Javier Viceiro Filgueira, director co que a Banda se consolida definitivamente, realizando o seu primeiro traballo discográfico. Permanece ao fronte dela ata outubro de 1.999. Será en novembro deste mesmo ano cando accede á dirección o mestre e compositor valenciano D. Octavio Más Arocas. En 2.003, a banda publica o seu segundo traballo discográfico, coincidindo coa celebración do X aniversario do Festival de Bandas de Silleda, traballo no que se recollen algunhas das pezas interpretadas ao longo dos 10 anos en directo.
     D. José Luis Represas Carrera, será o que colla a batuta da agrupación en 2.004, permanecendo ao fronte dela ata 2.006.
     Na actualidade, a Banda e a Escola de Música están baixo a dirección de D. Rafael Agulló Albors, director valenciano, que leva a cabo unha importante labor pedagóxica e musical.

     A agrupación é invitada a participar Radio e Televisión Galegas, así como en numerosos festivais da Comunidade, entre os que cabe destacar os de Meaño, Deza, Ourense, Cangas, Tui, O Rosal, Gres, Chapela, Beade, Castrelo de Cambados, Vila de Cruces... Fóra de Galicia, tivo a oportunudade de actuar en:
  • Principado de Andorra.
  • Albacete ( La Gineta , Aguas Nuevas, Balazote).
  • Ponferrada.
  • Monóvar (Alicante).
  • El Puig, Albalat del Sorells, Lliria (Valencia).
  • Pola de Laviana , Luarca (Asturias).
  • Portugal.
  • As Festas do Pilar en Zaragoza.
  • Centro Galego de San Sebastián.
  • San Martín de Valdeiglesias (Madrid).
  • No mes de Outubro do ano 2.000 realiza uns concertos en Bos Aires (Arxentina), invitada polo Presidente do Centro Galego desta cidade.
  • No ano 2001 é invitada ó XII Festival Internacional de Bandas de Música de Loures  ( Lisboa).
  • Leganés (Madrid).
  • Ronda (Málaga).
  • Plaza Mayor en Salamanca.
  • As Palma de Gran Canaria.
  • Carcaixent e Cocentaina (Alicante).
  • Santander e Luarca.
     A Banda acada ao longo da súa historia numerosos premios e galardóns, contando sempre co apoio incondicional do pobo silledense, ao cal lle está moi agradecida:

1º Premio no Certame de Bandas de Música de Vigo (1.959).
2º Premio no Certame de Bandas de Música de Ourense (1.972).
2º Premio na 1ª sección no Certame Nacional de Bandas de Música de Leganés en Madrid (2.002).
1º Premio e Mención de Honor na 2ª sección no Certamen de Bandas de Música  “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.002).
1º Premio e Mención de Honor na sección especial no Certamen de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.005).
1º Premio e Mención de Honor na sección especial no Certamen de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.007).
       
     A Banda de Música Municipal de Silleda, con máis de 400 socios e unha Escola de Música con 150 alumnos, está a realizar na actualidade unha importante labor social, cultural e educativa, que se ve reflectida na organización de concertos ao longo do ano,  creación dunha Banda Xuvenil, Big Band, coro e grupos de cámara.
     A agrupación está máis que orgullosa do seu longo percorrido musical, tanto pola labor dos seus compoñentes, coma polo apoio recibido  das institucións e do pobo en xeral. Quere agradecer a todas e cada unha das persoas, que dende os seus inicios souberon facer sentir e apoiar a música dun xeito incondicional.

“Despois do silencio, o que máis se achega a expresar o inexpresable é a música”
                                                                         
                                                                                                        Aldous Huxley

0 comentarios: