23 diciembre 2012

AS POMBAS DE CARBOEIRO

Este ano no concerto de Nadal volvemos a innovar! Desta vez conxugamos a música co teatro, e contamos coa colaboración de Fantoches Baj. O escenario elixido para levar a cabo esta fusión foi o Auditorio da Semana Verde de Galicia o 22 de decembro de 2012.


 A historia de As pombas de Carboeiro parte dun feito histórico e real cando o Papa Alexandre II obrigou ao rei Fernando II a repudiar á sua muller, Dona Urraca. A partir deste feito, e utilizando referencias ao tarot de Marsella, cantigas medievais ou lendas populares, nárrase a historia dun amor imposible entre dous xóvenes.
O auditorio volveu a abarrotarse e a nosa banda conseguiu levar a música máis alá! Foi unha experiencia moi interesante e enriquecedora tanto para os músicos como para o público.
Temos que agradecer novamente a Rafa o traballo e esforzo realizado nesta ocasión, xa que tivo que facer correccións nas partituras desta peza e invertindo moitas horas na súa preparación.  Un gran reto para todos os músicos, que sen dúbida valeu a pena!
Tamén temos que darlle moito, moito, pero que moito as grazas a Toño Paulino que fixo que parecera que estiveramos no interior do Mosteiro de Carboeiro! fixo unha réplica a gran escala e pintada a man deste emblemático monumento silledense!
Aproveitamos a ocasión para facer un avance do que estamos preparando para este ano 2013, xa que a nosa banda conmemora os seus 125 anos de existencia!No auditorio proxectamos un vídeo no que se fixo un breve resumo en imaxes da historia  xa centenaria da banda. Foi moi emotivo xa que lembramos momentos e vivencias  da banda que nunca esqueceremos!
Podedes ver o vídeo no seguinte link de Youtube: 125 ANOS DA BANDA MUNICIPAL DE SILLEDA


23 junio 2012

FOLKSILLEANDO

O pasado 23 de xuño de 2012 celebramos a V edición do Día da Música tendo como singular escenario a Carballeira das Pedrosas!
Desta vez tocou homenaxear a música folclórica galega, rompendo a tónica dos anos anteriores na que "jazzilleamos", "rockasilleamos" ou "cubasilleamos".

O pasarrúas a cargo do grupo de gaitas da nosa Escola de Música abriu a xornada, seguido de obradoiros de construción de instrumentos tradicionais impartidos por Pablo Carpintero e de clases de baile tradicional galego a cargo de Mónica Hernández. Tamén fixemos para a ocasión vestimentas típicas para despois participar nunha xincana musical con xogos tradicionais.





Despois de tanta actividade musical degustamos produtos típicos galegos coa colaboración da Asociación de Amigos do Lacón, Panadería Mella de Silleda e Queixos Hoxe, collendo así forzas para despois facer un concerto didáctico a cargo dos mestres da escola.

Xa pola tarde tivo lugar o festival de fin de curso que se cerrou cunha boa "merendola"


Seguimos co concerto da nosa banda, e nesta ocasión contamos coa colaboración de Begoña Lorenzo e Rodrigo Cuevas (voces), así coma con Rocío Mosquera (acordeón), Irene Fuentes (gaita) e cos grupos "O Son da Fervenza " e "Xirandola" para interpretar pezas coma a Xota da Ribeira de Piquín, Noites de lúa na praia ou Maruxiña.




O Día da Música rematou cunha cea de confraternidade e unha fogata de San Xoán ao son da música de grupos coma "Os Sin Son Ghaiteiros", "Os Varacuncas" e o DJ Sanse.














08 abril 2012

SILLEDA E COCENTAINA ÚNENSE NO XIX FESTIVAL DE BANDAS DE MÚSICA DE SILLEDA

O pasado 7 de abril de 2012 no auditorio da Semana Verde de Galicia celebramos o XIX Festival de Bandas de Música de Silleda, e foi moi especial porque contamos coa presencia da Unión Musical Contestana (Alacante), que é nada menos que a agrupación na que o noso mestre Rafa se formou e medrou como artista.
A estancia da banda alacantina foi moi emotiva polo feito de que Rafa estivo cos seus familiares e amigos e tamén porque a nosa banda pasou uns días en Cocentaina fai catro anos!
A novidade do programa do Festival de Bandas foi que tocamos obras de xóvenes compositores galegos coma Pórtico de Antón Alcalde Rodríguez, Estrasántico de Simón Couceiro Rivera e Iter Per Gallaecia de Juan Lois Diéguez.

Ao rematar o festival disfrutamos dunha cea de confraternidade na que non faltou unha boa churrascada! Tampouco faltou quen recordara anécdotas da nosa estancia alá en Cocentaina, coma por exemplo cando na cea de despedida, músicos de Silleda fixeron unha queimada, coa mala sorte de que prendeu lume na mesa! e despois na moqueta...!!!En fin, que todo foi por non contar cos utensilios adecuados (colleramos un maceteiro da nai de Rafa...) O resultado foi que os nosos compañeiros levantinos quedaron sen probar a queimada.
Esta é a foto da queimada ao estilo "contestano" antes de producirse os desperfectos...
Aínda con estes "antecedentes case criminais"... catro anos despois volvemos a intentar facerlles unha queimada da man do "Bruxo Pañocus" e desta vez non houbo incidencias... foi todo un éxito!

18 diciembre 2011

UN NADAL DE FÁBULA

Dende os máis maiores ata os pequenos da casa, centos de persoas disfrutaron e sorprendéronse o pasado sábado 17 de decembro de 2011 co espectáculo Sínfonía das fábulas, peza central do XII Concerto de Nadal que ofrecemos no auditorio da Semana Verde de Silleda.



Neste concerto colgamos o cartel de cheo!A Sinfonía das fábulas é unha obra de cinco movementos composta pola americana Julie Giroux e inspirada nun espectáculo de Walt Disney. A sinfonía recolle fábulas tan inesquecibles como: "O león e o rato", "O frautista de Hamelín", "O parruliño feo", "A lebre e a tartaruga" e "Os tres cabritiños Billy." Desta vez conxugamos baile, títeres, contacontas, un ilustrador con area e como non música!




Rematamos o concerto coa peza Celtic Child  acompañados polo coro de nenos da Escola de Música, que unha vez máis deixaron ao público coa boca aberta!


A continuación deixámosvos os seguintes enlaces de prensa:


Artigo de Juan Antonio Pinto Antón no Faro de Vigo do mércores 21 de decembro de 2011: "Silleda, tan rica en música"


19 junio 2011

SILLEDA, QUÉ LINDA ES CUBA!


"Cubasilleando" foi o lema elixido pola nosa Escola e Banda de Música para os actos do sábado 28 de xuño de 2011 con motivo do Día Internacional da Música. Ese día Silleda foi inundada polos ritmos do Caribe dende primeira hora da mañá!


Esta 4ª edición contou cunha ampla variedade de actividades na que a música cubana e os seus costumes foron o principal protagonista. Os espectáculos comezaron ás 10 da mañá con pasarrúas a cargo dos gaiteiros da nosa Escola e unha hora máis tarde con obradoiros de creación de instrumentos típicos cubanos, vestidos e unha clase maxistral sobre danzas cubanas que ofreceu a Academia Baile Sabrosura de Ourense. Despois seguimos cun concerto didáctico que rematou cunha degustación de produtos típicos da gastronomía cubana (non todo vai ser tocar...)


Xa pola tarde tivo lugar o concerto de fin de curso no que os cerca de 120 alumnos da nosa Escola fixeron as delicias do público e sobre todo dos seus familiares...


Despois dos "pequenos da Escola" tocoulle o turno aos "maiores" no que tocamos varias pezas ao ritmo do son cubano coa colaboración da cantante Jamila Puro Feeling en cancións tan sonadas coma "Cuba qué linda es Cuba", "Para Vigo me voy" ou "Amapola".



Para rematar este día tan especial para nós celebramos unha cea de confraternidade na que non faltou un bo churrasco e sobre todo cócteles cubanos coma daiquiris e mojitos combinados coa música do Dúo Punto Cero. O bo ambiente e sobre todo a boa música dese día fixo alargar a festa ata altas horas da madrugada!

Enlace ós seguintes artigos de prensa:



10 abril 2011

O DÍA QUE SILLEDA ESTREOU O SEU PROPIO PASODOBRE


O 9 de abril  de 2011 o auditorio da Semana Verde de Silleda acolleu a 18 edición do Festival de Bandas de Música de Silleda coa actuación da Banda da Escola de Música de Oleiros e a Banda de Música de Vilagarcía.

Abrimos o concerto coa estrea do pasodobre Silleda, composto e dedicado en exclusiva para a Banda de Silleda polo compositor e director levantino José Rafael Pascual Vilaplana.
José Rafael Pascual Vilaplana dedícanos as seguintes líneas na partitura: "A mis amigos de la Banda de Música Municipal de Silleda y a su director el maestro Rafael Agulló Albors. De tot  cor, L'autor" e segue dicindo nas notas do programa: "Escribir un pasodoble gallego era todo un reto para quien suscribe. Es verdad que desde mi casa a Galicia hay una gran distancia kilométrica, pero si la calculamos desde la estima, estamos muy cerca. La tierra gallega me ha dado muy buenos amigos, muy buenos recuerdos musicales y personales que forman parte de las huellas de esa playa particular en la que se convierte la vida de cada uno...La tradición siempre nos hará enfocar el futuro con más solidez, pues nos ayuda a no perder de vista de donde venimos y quienes somos. Espero que cuando escuchen estas humildes notas, la ternura puesta en su creación pueda llegarles con toda su esencia."

A continuación interpretamos Theseus Journey de Kris Roemers, con esta actuación podemos presumir de ser os primeiros en tocar esta obra en España! Despois compartimos  escenario coas corais Polifónica deTrasdeza, Agolada e Ecos da Ulla de Monterroso para interpretar a marcha Santiago Capitán Abencerraje de Saúl Gómez y Soler. Esta peza está adicada a Santiago Guillem, último capitán moro dos Abencerrajes e pai de Antonio Guillem.

Para cerrar o concerto tocamos Una historia para contar de Teo Aparicio, na que nos acompañou o coro infantil da Escola de Música de Silleda. Estes cativos volveron a facer unha vez máis as delicias do público, é que son xeniais!

 De seguido, adxuntamos a crónica do Faro de Vigo: "A Banda de Silleda comparte escenario con tres corais no seu festival de bandas"

05 diciembre 2010

E O GAÑADOR É.......A BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DE SILLEDA!!!


A nosa banda capitaneada polo mestre Rafa Agulló Albors, alzouse co primeiro premio e mención de honra na Sección Primeira no 39 Certamen Villa de Altea, dotado con 8.000 euros.


Obtivemos 545,30 puntos sobre un máximo de 600 tras unha brillante actuación, que foi tildada de "espectacular", e incluso Óscar Navarro, autor da peza Libertadores, durante a retransmisión en directo do concerto, indicou que "se lle puxeran os pelos de punta". Aínda hoxe nos emocionamos cando a volvemos a escoitar…


Podédesnos ver no seguinte video que colgamos en Youtube da peza de Óscar Navarro Libertadores.




Foi un marabilloso día que nunca esqueceremos! Despois de tanto esforzo e traballo valeu a pena! Unha mostra desta victoria inesquecible son as seguintes fotos:




Esta foto de Rafa non necesita explicación, só hai que velo! é a viva imaxe do éxito acadado e da felicidade polo traballo ben feito, e ademais na súa terra natal,  Alicante!




Como proba de que o vivido en Altea non foi un soño, adxuntamos os seguintes artigos de prensa: